Apoiamos a persoas
con  diversidade 
 intelectual 

Área de Emprego

Dende a Área de Emprego ofrecemos un conxunto de apoios para que a persoa con diversidade intelectual poida desenvolverse no ámbito laboral tendo en conta os seus intereses, necesidades e características, a través da elaboración de Itinerarios Personalizados de Inserción socio laboral (IPI).

O obxectivo é capacitar á persoa e dotala das competencias necesarias para que mellore a súa empregabilidade e consiga unha inserción socio laboral satisfactoria.

O traballo para as persoas con diversidade intelectual é un elemento esencial para o seu desenrolo persoal e para a súa participación e inclusión na sociedade.

Formación

A formación está dirixida á capacitación das persoas con diversidade intelectual co fin de que adquiran as competencias laborais, persoais e sociais necesarias para a adaptación ao contexto laboral.

Impartimos formación específica en actividades como xardinería, limpeza, etc. O enfoque formativo é maioritariamente práctico “Aprender facendo”, acompañado de formación complementaria indispensable para a adquisición de habilidades sociais e laborais que contribúan á obtención e mantemento dun posto de traballo.

Prestamos apoios para que poidan acceder a un posto de traballo na Administración Pública a través da preparación de oposicións.

Emprego con Apoio

Levamos a cabo un conxunto de accións e servizos centrados na persoa con diversidade intelectual, fundamentalmente de maneira individualizada, para que esta poida acceder, manter e promocionar no mercado de traballo ordinario. Traballamos antes, durante e despois da contratación.

O apoio é proporcionado pola preparadora laboral, profesional que acompaña ao traballador/a con discapacidade en todo o proceso de integración social e laboral. O apoio proporcionado á persoa non só inclúe axudas en aprendizaxe das tarefas no propio posto de traballo, senón que tamén implica un soporte de desenrolo de habilidades complementarias (de autonomía, relación laboral, etc.)

Prospección Laboral

A prospección laboral é unha ferramenta básica de achegamento, entre as empresas e as persoas con diversidade intelectual en situación de desemprego, para a inserción laboral.

Dende este servizo asesoramos a empresas en canto a:

  • Vantaxes de contratar persoas con discapacidade, non só dende un punto de vista fiscal, senón que tamén constitúe un elemento a poñer en valor nas políticas de R.S.C. (Responsabilidade Social Corporativa) das empresas.
  • Cumprimento da Lei Xeral de Discapacidade en canto á contratación de persoas con discapacidade.
  • Medidas alternativas que permiten cumprir a Lei Xeral de Contratación, como poden ser a contratación a través de centros especiais de emprego ou actividades de patrocinio.