Apoiamos a persoas
con  diversidade 
 intelectual 

Formación Dual

A asociación Aceesca de Porriño está a traballar en importar o modelo de formación dual adaptada a persoas con discapacidade intelectual posto en marcha en Mallorca.

"No noso país non existe formación regrada para estas persoas e coñecemos da man da Fundación Amadip Esment un proxecto innovador unicamente desenvolto nesa comunidade autónoma que nos cativou", explica Ángeles Leirós, xerente de Accesca, tras a viaxe á illa, onde tamén acudiron das asociacións San Xerome, Juan María e Aspaber.

"A través deste programa, e durante tres anos, as persoas están a recibir formación continua, fundamentalmente práctica, coa metodoloxía aprender facendo, que é como se pode afianzar capacidades de forma efectiva. Pero ademais, desde o primeiro día, o aprendiz ten un contrato laboral a media xornada, que axuda a adquirir e consolidar os coñecementos e capacidades que se traballan na formación e ao finalizar os tres anos acredítanse cunha cualificación profesional oficial que lles abre moitas portas no mercado ordinario de traballo", sinala Leirós lembrando que "as persoas con discapacidade intelectual teñen, como norma xeral, un proceso de aprendizaxe máis lenta que outras persoas, á vez que necesitan dunha metodoloxía específica que lles permita afianzar os coñecementos e practicar destrezas".

Ante a dificultade para lograr a inserción laboral deste sector da poboación, Aceesca puxo en marcha en 2006 Aceesca Emprego SL. Actualmente o persoal está composta por 28 persoas, das cales 21 presentan discapacidade intelectual e realizan labores desde xardinería, limpeza ou acompañamento de transporte adaptado.

Aceesca Emprego xa se acreditou como empresa de formación e ten autorizada a formación en xardinería "que será para o que optemos á convocatoria de axudas que se prevé en maio publique a Xunta, a cal recolleu este proxecto piloto de formación dual, presentado por Aceesca e outras entidades similares, de maneira que comezaremos a formación en xardinería o próximo mes de setembro ofertando, inicialmente, 10 prazas".

A acreditación foi só en xardinería por "un importante problema de espazo", remarca Leirós. Por iso, "o noso reto e urxencia máis inmediata é lograr a cesión dun terreo por parte do Concello de Porriño para ampliar instalacións. Despois de case dous anos de conversacións e algunhas promesas a día hoxe non temos resolta esta necesidade", conclúe.